Sunday 05 de May de 2024

O alcalde anuncia o impulso do Centro Comercial do Ventorrillo para convertelo no motor económico do barrio


O Goberno local inviste 182.000 euros nas obras de acondicionamento do ámbito para dotalo de maior accesibilidade, seguridade e visibilidade

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, visitou esta mañá o barrio do Ventorrillo, acompañado por representantes veciñais e do sector do comercio, de AJE e de GADISA para anunciar un proxecto de revitalización da zona: Poñemos en marcha unha obra para dar máis visibilidade ao ámbito do centro comercial e revitalizamos economicamente este espazo para convertelo nun motor, no novo corazón do barrio como fonte de dinamización,” anunciou o alcalde quen destacou que se responde así a unha vella demanda de veciños e comerciantes.
Tal e como explicou Carlos Negreira, o Concello inicia esta semana unhas obras de acondicionamento do ámbito do centro comercial do Ventorrillo, na rúa alcalde Salorio Suárez nas que investirá 182.171,59 euros, o que supón unha rebaixa do 25% con respecto ao presuposto de licitación das obras. Os traballos consisten en mellorar a accesibilidade, garantir a comodidade e seguridade nas circulacións peonís, proporcionar unha iluminación axeitada, suprimir as barreiras visuais e proporcionar un aspecto atractivo á vía urbana. Cun prazo de execución de 3 meses, incluirá espazos axardinados, mobiliario urbano e un novo sistema de luminarias: “Pasaremos dun espazo illado a outro comunicado e integrado para recobrar a dimensión urbana apropiada e para uso e desfrute dos veciños. Volveremos unir e coser este barrio”.
O alcalde recordou que para que este centro comercial actúe como un auténtico corazón de barrio e como elemento para a dinamización da actividade económica, o Concello colabora con AJE no proxecto Vento, un plan para revitalizar os locais comerciais co que se pretende atraer novas actividades e iniciativas: “Tres novos proxectos están en marcha a través de tres emprendedores nos locais baleiros deste centro comercial que dispón de espazos de entre 15 e 100 metros cadrados”, detallou.
Este conxunto de iniciativas complétase co anuncio de GADISA de abrir, no centro comercial e durante o primeiro semestre de 2015, un novo establecemento, o número 35 da cidade, de 1.300 metros cadrados, unha reiterada demanda dos veciños. “A unión de obras públicas e privadas permitirá dar accesibilidade e visibilidade ao centro comercial. En tempos difíciles, todo o que sexa propiciar actividade económica é un feito positivo que permitirá dar brío ao barrio e ter novas posibilidades”, sinalou o alcalde, quen asegurou que é un “día de felicidade, tras moito traballo levado a cabo en máis dun ano de labor, cóbado con cóbado, cos veciños, o presidente do centro comercial, AJE e GADISA”, finalizou.